Postura oficial do CPEIG sobre os últimos acontecementos na profesión e sobre a convocatoria de folga do 19 de novembro

Simbolo do CPEIGNeste momento de incertidume ante o futuro da nosa profesión, é a obriga do CPEIG informar a todos/as os/as colexiados/as da situación actual, así como das medidas que o CPEIG pensa adoptar de inmediato.

O pasado 23 de outubro o Ministerio de Educación presentou as fichas dos novos títulos de Grao e Master de todas as enxeñarías menos a de informática, cumpríndose así os nosos peores presaxios. Para tomar esta decisión o ministerio argumentou que a nosa enxeñaría non ten atribucións, que a informática é unha materia transversal e que polo tanto non debe concentrarse nunha titulación concreta.

Por outra parte, o pasado xoves día 30, presentouse ante a Comisión de Ciencia e Innovación unha proposición non de lei (en adiante, PNL), sobre contidos e competencias da Enxeñaría en Informática, na que se instaba ao Goberno a regular a nosa profesión. Esta PNL foi REXEITADA cos votos en contra de PSOE (18) e IU (1), as abstencións de PNV (1) e CiU (1) e os votos a favor de PP (16) e BNG (1).

Desde o CPEIG traballouse activamente para que esta PNL fora aprobada. Proba delo son, por unha banda, a propia autoría da mesma por un deputado Ourensán, e por outra o voto a favor do BNG.

Ante a avalancha de comentarios e actuacións xurdidas a raíz dás citadas situacións, convén aclarar diversas cuestións para evitar confusións e que todos/as os/as implicados/as entendamos a complexidade da problemática presentada.

A carreira de Enxeñaría en Informática non vai desaparecer a curto prazo. Moitas universidades xa teñen elaborados os plans de estudo para o Grao ou o están a facer nestes momentos. O CPEIG está a colaborar coas tres universidades galegas neste eido.

Na lei de adaptación ao Espazo Europeo de Ensino Superior, o Goberno central dispuxo que os plans de estudos das titulacións asociadas ás profesións reguladas deberán axustarse ás súas leis de atribucións. Este axuste materialízase na "ficha da titulación", que é un compendio de contidos e competencias que deben ter os/as titulados/as. Neste sentido "competencias" non é o mesmo que "atribucións". As competencias son "aquilo que se sabe facer", mentres que as atribucións son "aquilo que a Lei che faculta para facer".

Para as profesións non reguladas non hai fichas. Na práctica esto quere dicir que cada universidade pode actuar baixo o seu criterio individual, sempre e cando as titulacións respondan a uns mínimos moi xenéricos.

No caso da Enxeñaría de Telecomunicacións, que si está regulada, existe unha ficha para esta titulación e nela incluíron moitas competencias que son do noso ámbito. A Enxeñaría en Informática non dispón de ficha, así que a carreira que vai ter recoñecidas oficialmente as nosas competencias, malia estudar menos créditos nas materias propiamente informáticas, é a Enxeñaría de Telecomunicacións, quedando a nosa titulación sen competencia algunha. Nesta situación os/as Enxeñeiros/as de Telecomunicacións poderían dicir "posto que se me recoñece competente para isto, outórgame a potestade legal para facelo". Chegado ese punto, a nosa carreira e a nosa profesión si que desaparecerían.

Para evitar que cada universidade faga os plans de estudos de informática á súa imaxe e semellanza, os colexios profesionais propuxemos á Conferencia de Decanos e Directores de Informática (en adiante, CODDI) que acadase un consenso para que en todas as facultades a carreira fose moi parecida. Chegouse a este consenso e a un acordo co Secretario de Estado de Universidades para que calquera carreira denominada "Grao en Enxeñaría en Informática" tivese que axustarse a estes parámetros.

Posteriormente, algunhas universidades non respectaron o acordo anterior por presións desde os reitorados. Complementariamente, outras universidades decidiron crear titulacións non denominadas "Enxeñaría en Informática", pero que na práctica albergan de xeito moi particular os contidos da nosa carreira. Titulacións desta índole son "Enxeñaría de Sistemas", "Enxeñaría do Software", "Enxeñaría Web", etc. Non obstante, na gran maioría das universidades respectouse o consenso, de xeito que a carreira seguirá sendo razoablemente homoxénea e seguiremos tendo base para loitar polas atribucións profesionais.

Evidentemente, o CPEIG non vai a permanecer inmóvil vendo como son pisotedas sen o menor escrúpulo a nosa carreira e a nosa profesión. O vindeiro sábado 8 de novembro está convocada en Madrid unha reunión dos presidentes e decanos de todos os colexios profesionais de enxeñaría en informática de España para coordinar as medidas a tomar. De igual xeito, os colexios tamén nos estamos coordinando coa CODDI, ALI, AII2 e RITSI. As accións que se están a barallar pasan por todas as posibles, desde accións legais ata movilizacións.

En relación coa convocatoria de folga para o vindeiro 19 de novembro que está a circular a través de diferentes medios de comunicación, esta cuestión será debatida en detalle na citada reunión, de xeito que a postura sexa única e firme, xa que entendemos que facer guerras por separado non fai máis que favorecer os intereses de quenes están a menospreciar a nosa profesión.

Poderedes seguir de todas estas cuestións, o resultado da reunión de Madrid e as posturas a adoptar a través do portal do colexio.

Agora, máis que nunca, precisamos a túa axuda e o teu apoio.

-> Aquí el enlace a la página del Colegio Profesional, que como muchos (igual que yo hace media hora) no sabéis, EXISTE.

0 Matices precisos: